Serie: Confinamento fotográfico. Fotografías María Moldes Rodal.
"Se un pode realmente penetrar na vida doutra época, está a penetrar na propia vida"-
T.S. Eliot, escritor (Misuri 1888-Londres 1965).
Entre varias profesoras/es de diferentes Departamentos do IES BEADE xurdiu a proposta de facer un PROXECTO INTERDISCIPLINAR ao redor da experiencia que estamos a vivir en medio do confinamento provocado pola pandemia do coronavirus ou virus SARS-COV-2 causante da enfermidade COVID-19 que nos está a afectar.
En especial, as diversas vivencias persoais que a mocidade pode estar tendo ante esta realidade, son unha base fundamental da que partir para engadir a toda unha serie de recursos, fontes documentais actuáis ou históricas, que lles axuden a entender este feito, as súas causas e consecuencias, para que resolvan as dúbidas e desenmascaren os bulos ou "facks", baseándonos en fontes de información fiables.
Por iso vos invitamos a investigar, indagar, a facervos preguntas, que vos leven a comprender esta situación que nos afecta directamente e que se convertiu nunha pandemia, porque se trata dunha epidemia mundial. Non é a primeira vez que se dá na historia da humanidade, por iso é importante ver cara ao pasado para coñecer como se viviron esas pandemias, e tamén analizar o presente para comprendelo e mirar cara o futuro cuestionando os acertos ou erros do sistema de vida da nosa época e as súas consecuencias positivas ou negativas.
Serie: Confinamento fotográfico. Fotografías María Moldes Rodal.
Serie: Confinamento fotográfico. Fotografías María Moldes Rodal.
-OBXECTIVOS:
-Que o alumnado adquira coñecementos e faga unha aprendizaxe comprensiva e activa dos diversos aspectos ao redor desta pandemia do coronavirus, partindo da análise de datos contrastados sacados de fontes fiables, para ir construíndo este complicado puzzle do que estamos a ser protagonistas.
-Para iso atenderemos aos seguintes aspectos: chamando ás portas da historia das pandemias, a xeografía dunha pandemia, a ciencia, a medicina, os servizos sanitarios, as resolucións políticas, a situación económica e laboral, a situación da educación, o medio ambiente, o uso das novas tecnoloxías, a comunicación cibernética, as posturas éticas, as relacións familiares, o efecto psicolóxico, o mantemento físico, a alimentación, as manifestacións culturais, literarias, artísticas, e, por suposto, o papel dos medios informativos.
-Porque é fundamental entender as causas para entender as circunstancias e valorar as consecuencias que este feito extraordinario está a ter nas nosas vidas e vai ter no futuro a todos os nivéis. O que nos leva a facer unha reflexión profunda da condición humana e do noso papel no medio ambiente no que habitamos.
-Este proceso de investigación interdisciplinar é un procedemento que tamén nos permite traballar e vincular contidos de cada materia e as competencias establecidas para cada nivel educativo nas Programacións Didácticas dos diferentes Departamentos. Deste xeito atendemos a certos contidos programados, na medida do posible, e ao repaso de contidos xa estudados antes do confinamento. Trátase de deseñar as tarefas a realizar e propoñelas ao alumnado de cada nivel, facilitando a telecomunicación ata onde está nas nosas mans.
-Dadas as circunstancias excepcionais e as directrices da Conselllería de Educación, asumimos e somos conscientes de que os procesos de ensinanza-aprendizaxe que se levaron e levan a cabo dende o 13 de marzo de 2020 ata a fin do confinamento, non son avaliables, e deben servir para reforzar e repasar os contidos e coñecementos adquiridos.
-Destacar as dificultades que presenta esta situación para toda a comunidade educativa e ter que adaptármonos á teledocencia, pero tamén sinalo o que ten de positivo que o alumnado traballe sen que a finalidade sexa un mero exame ao uso e que aprendan polo interese ou o pracer de facelo.
Serie: Confinamento fotográfico. Fotografías María Moldes Rodal.
-METODOLOXÍA:
Un dos aspectos fundamentáis é a motivación do alumnado, e para iso contamos con contidos moi significativos que enlazan coa realidade que rodea ó alumno/a –física, social, económica...-, cos coñecementos previos, coas necesidades psicolóxicas, coa súa vontade de saber cousas concretas –temas interesantes-, etc
O noso método atende a un modelo de ensinanza-aprendizaxe
comprensivo e activo, que vai do local ao universal, para preparar a cidadáns a través
da adquisición e o desenvolvemento das competencias básicas, coa finalidade de
que:
- poidan facer posible o pleno exercicio da cidadanía no
marco da sociedade de
referencia.
- constrúan un proxecto de vida
satisfactorio.
- acaden un desenvolvemento persoal,
emocional e afectivo equilibrados.
-PROCEDEMENTOS:
-Facer as preguntas consabidas para darlle resposta aos interrogantes aos que nos enfrontamos os humanos dende o confinamento de alcance global, converténdovos en investigadores, xornalistas, científicos, historiadores, etc:
-Que é, que sucedeu?
-Cando ocorre?
-Onde ocorre?
-Como se van sucedendo os feitos, o proceso?
-Por que ocorreu, cales son as causas?
-Cales son as consecuencias?
-Facer unha liña do tempo (ou eixe cronolóxico) para situar os feitos. Unha liña mundial, outras por países (China, Italia, EEUU, España. Galicia...) comparativas.
-Localizar sobre o mapa os lugares maís e menos afectados con datos actualizados.
-Elaborar gráficos cos datos da evolución da pandemia, tendo en conta as variables de contaxiados, hospitalizados, mortes.
-Elaborar un guión e esquemas para ir ordenando a información nos diferentes aspectos a tratar.
-Destacar os aspectos que máis interese espertan en cada un.
-Buscar representacións da enfermidade e da morte na Historia da Arte.
-Como conclusión é interesante que deades a visión que tivo cada un de vós da pandemia e do confinamento, contando a vosa experiencia, como vos sentíchedes, etc.
-Ao final do traballo, facer constar as fontes de información consultadas.
>>*Por suposto, que calquera tarefa que fagamos ten que estar escrita en lingua galega.
-Presentar o traballo resultante cos contidos elaborados no soporte que cadaquén prefira cos medios e recursos dos que se dispoña: en papel, cartolina, texto de Word, presentación en Power Point, imaxes fotográficas, debuxos, planos, mapas, vídeo, etc.
>>O prazo de entrega é ata o 5 de xuño como máximo.
-Pola nosa parte, como docentes, guiaremos e seguiremos o descorrer do seu traballo unha vez deseñadas estas propostas a realizar cunha metodoloxía activa.
-Neste blog haberá unha serie de entradas ou post diferentes con recursos relacionados cos diferentes aspectos da pandemia a investigar, que iremos
engadindo e actualizando ao longo deste tempo.
Este Proxecto queda aberto a novas aportacións ou modificacións que o poidan mellorar ou enriquecer.
Serie: Confinamento fotográfico. Fotografías María Moldes Rodal.
Moi interesante este proxecto. Que tal resultou, unha vez feito? Estades satisfeitas cos resultados?
ResponderEliminar